AMTEGA abre este mércores o prazo para obtermos o CODIX

martes, 22 de xaneiro do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) abre este mércores o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Ao abeiro da convocatoria ofrécense 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 18 de febreiro e rematará o 24 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de maio unha vez rematado o curso. Para acceder a esta actividade cómpre sermos maiores de 16 anos e estarmos dado de alta como usuarios da rede CeMIT.
A inscrición realizarase a través de Internet na web da rede CeMIT, durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Segundo informa a axencia autonómica, unha vez finalizado o prazo de inscrición publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número axeitado de reservas.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que, segundo lembra a axencia, só será preciso dispor dun ordenador persoal e conexión a Internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do repertorio nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

PUBLICIDADE