AMTEGA a Fundación Vodafone impulsan unha manchea de actividades para introducir aos maiores nos smartphones

venres, 3 de marzo do 2017 Redacción

A rede de aulas CeMiT vai facer fincapé na alfabetización da terceira idade. Así nolo conta a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que en colaboración coa Fundación Vodafone, vai pór en marcha preto de 50 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles intelixentes (smartphones) e das tabletas, “así como nos seus diferentes usos e aplicacións”.
As actividades arrincarán o 6 de marzo en Brión e Valga e chegarán a dúas ducias de aulas das catro provincias. A través destas aulas, achéganse medio milleiro de prazas libres e de balde, distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Segundo explica a axencia que dirixe mar Pereira, cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tabletas para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo.
Por outra banda, os participantes recibirán uns manuais en papel que recollerán dunha forma visual sinxela as operacións básicas (acender, chamar, gardar números, etc) así como exemplos de aplicacións básicas e de interese para diferentes colectivos. Igualmente os espazos de divulgación participantes terán súa súa disposición pílulas audiovisuais formativas, “breves e moi prácticas”, que servirán de material de apoio.
As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT, onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver posíbeis dúbidas.

PUBLICIDADE