AMTEGA, a Consellería de Educación e o CESGA continuarán a colaborar na viaxe das escolas rurais á nube

luns, 15 de abril do 2013 Redacción

Cativos interactuando a través do proxecto de escolas rurais 2.0 do CESGA

O vindeiro venres o Centro de Supercomputación de Galicia recibirá a visita do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da directora da AMTEGA para a sinatura dun convenio de colaboración co CESGA para establecer o marco no que estas entidades desenvolverán o proxecto de innovación educativa Rede de Escolas na Nube que ten como finalidade a análise e optimización de ferramentas e metodoloxías baseadas na computación cloud para atopar unha solución de alta calidade que permita mellorar as propostas educativas, a comunicación e o traballo colaborativo entre profesora, alumnado e familias nas escolas rurais.
Esta innovadora solución adecúase ás necesidades e tipoloxía específica dos Centros Rurais Agrupados (CRA) de Cultura e Educación. Un CRA é un centro público sito na contorna rural, que imparte educación infantil e primaria, e que ten a particularidade de que está composto por varias escolas en aldeas distintas, pero que funciona como unha única escola a nivel administrativo e funcional, cun claustro común de mestres, etc. Este modelo funciona en toda España dende os anos 90, e permite proporcionar un ensino de calidade cunha alta integración nas comunidades rurais.
Na actualidade, a experiencia piloto estase a desenvolver en catro centros rurais agrupados: o CRA de Vilaboa, o CRA Amencer en Ribadavia, o CRA Boqueixón-Vedra, e o CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso. Entre eles abarcan 22 escolas unitarias rurais nas provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, con 60 docentes e 333 estudantes dende os 3 aos 7 anos participando no proxecto dende o principio de curso.

PUBLICIDADE