AMD presenta os seus chips Imageon para dispositivos móbiles

mércores, 13 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Procesador Imageon xunto a un dispositivo conceptual

Adiantándose a Intel, o fabricante de procesadores AMD entra a competir no mercado de procesadores para móbiles de consumo masivo e chips de proceso gráfico para móbiles segundo anunciou no Mobile World Congress de Barcelona.
Por unha banda preparan o procesador para aplicacións Imageon A250, que permite a gravación e reprodución de vídeo e o proceso de imaxes, así como outras aplicacións multimedia, mentres que tamén contarán co procesador Imageon D160, que é unha solución combinada de hardware e software para que os fabricantes poidan incorporar sinais de televisión nun dispositivo alimentado por USB. Amais, tamén presentou o procesador de son Imageon M210, que permite gozar dun audio de alta definición.
A tecnoloxía Imageon é posible grazas á adquisición de ATI Technology en 2006, e xa se emprega nun 50 móbiles e dispositivos de fabricantes coma Motorola, LG, Panasonic e Samsung.

PUBLICIDADE