AMD e Cisco organizan un reality show sobre as posibilidades da súa tecnoloxía

xoves, 23 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Cisco e AMD veñen de unir forzas para levar a cabo un experimento que ten moito de facer visible o que a Rede non sempre amosa: o enleado tecido de ligazóns que unen aos internautas entre si e coa tecnoloxía mesma que teñen ao seu alcance. É nesta liña onde se insire Visual Home Experience, un reality showroom que emprazará nun mesmo escenario no barrio de Salamanca de Madrid a dous internautas (María e Daniel) durante tres semanas, vivindo, traballando e comunicándose dende un espazo internactivo común. En realidade, sinalan os responsables da iniciativa, farán o que adoitan a facer decote pero cunha diferenza: o emprego das tecnoloxías de Cisco e AMD, que entre outras cousas lles permitirán recibir información do exterior, comunicarse co interior e facer demostracións de produto in situ perante o público asistente.
Todo o que fan ao longo das 24 horas do día, nomeadamente os beneficios que lle tiran á tecnoloxía facilitada, poderase seguir a través da web oficial da experiencia, e tamén nas páxinas oficiais de Facebook e Twitter.
María e Daniel gozarán da mellor conexión grazas aos produtos da división de consumo de Cisco, Linksys E-Series, a máis recente gama de routers sen fíos deseñados para conectar tódolos equipos que hai neste reality showroom”, informan as empresas responsables da inicativa. Con estes routers, engaden, María e Daniel terán ao alcance da man a liberdade de ter conectados á Rede, e sen fíos, os seus computadores portátiles de HP con tecnoloxía Vision de AMD, o televisor de alta definición e as súas videoconsolas Wii e PlayStation. “Ademais”, sinalan, “poderán comprobar de primeira man que grazas ao programa Cisco Connect integrado nos routers, é moi sinxelo facer a instalación sen fíos e converter este espazo nun verdadeiro fogar conectado”. A experiencia estenderase no tempo entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro.

PUBLICIDADE