ALT1040 premia o mellor escritorio dos internautas

venres, 12 de xuño do 2009 Raquel Noya

A web ALT1040, máis coñecida entre os seus usuarios como “a guía do geek”, que leva unhas semanas mostrando os escritorios de traballo ou workspaces de persoas coñecidas e importantes na Rede, tales como, Javier “Wicho” Pedreira, ou Lois le Meur, comunicador francés fundador de Seesmic, vén de darlle aos seus lectores e lectoras, a oportunidade de mostrar tamén os escritorios nos que traballan a diario e participar, de paso, nun concurso para atopar o mellor workspace de tódolos seus usuarios e usuarias.
O concurso, que ata o momento de redactar a nova só contaba con tres participantes, desenvóvese nunha conta de Flickr, a ALT Spaces, creada para que os usuarios interesados poidan subir as fotos das súas áreas de traballo (ou diversión) e mostrarllas ao resto de lectores e lectoras do blog.
A organización, segundo apuntan en ALT1040, vaille regalar un bolso Golla Laptop Function Bag ao usuario daquel escritorio que inclúa o portátil que máis lle guste aos seus membros, aínda que é de supoñer que, se teñen un bo portátil, tamén han de ter unha boa bolsa… pero en fin, menos dá unha pedra.
Asemade, se son moitos os usuarios e usuarias que mandan fotografías dos seus workspaces, os responsables da web comprométense a “facer máis promocións e regalar máis cousas”.

PUBLICIDADE