AJE Vigo achega a súa colaboración na edición conxunta de LaconNetwork e os Premios EGANET

martes, 29 de xaneiro do 2013 Redacción

AJEVigo anunciou esta semana a súa colaboración activa no terceiro ano do evento LaconNetwork, a cita informal dos profesionais galegos das novas tecnoloxías que vai servir de colofón á cerimonia de entrega dos Premios EGANET que se celebra (ámbolos eventos, un seguido do outro) este venres 1 de febreiro en Santiago de Compostela, no Pazo de Congresos e Exposicións (San Lázaro). O obxectivo de AJEVigo con esta colaboración activa, unha vez máis, é comprometerse co emprendemento en calquera das súas facetas, sendo a faceta TIC especialmente frutífera en posibilidades e potencialidades. No caso do evento duplo que nos ocupa, os emprendedores e profesionais TIC convocados son os tamén chamados laconeiros, xeito informal de denominar aos seareiros dun evento xa de por si informal, o LaconNetwork, e que comparten cousas como a súa relación estreita coas TIC (persoal e empresarial) e unha afección a reunírense de xeito espontáneo para debater sobre o sector e intercambiar experiencias.
Segundo nos recorda AJEVigo, calcúlase que o venres congregaranse en Santiago máis de 300 persoas, “que ademais de escoitar os relatorios nos que se exporán fórmulas que axuden aos emprendedores TIC, tamén poderán participar na entrega dos Premios EGANET, galardóns que procuran recoñecer a calidade e o nivel das empresas de novas tecnoloxías en Galicia, e ao que optan varias empresas asociadas de AJE”, sinalan dende a entidade profesional.
Xa nun plano máis concreto, e volvendo á contribución desta asociación ao evento duplo, dicir que o apoio materializarase entre outras cousas coa achega dun autobús de balde para os asociados que ten prevista a saída da rúa Areal de Vigo, ás 9 da mañá, para facilitar o traslado a Compostela. Á viaxe, por certo, están convidados tódolos emprendedores vigueses que queiran acudir ao evento, malia non estaren asociados (polo prezo de dez euros, ida e volta). Segundo nos conta ao respecto Rubén Hermida, presidente de AJEVigo, “para a asociación é moi importante que toda a xente que estea interesada neste evento poida acudir; na asociación estamos comprometidos en difundir a cultura do emprendemento na nosa comunidade, e baixo ese enfoque apoiamos todas aquelas iniciativas que procuren axudar a todos aqueles que queiran pór en marcha un proxecto ou que xa estean nese proceso, para que non estean sós nese reto. Pola súa banda, Paula López, fundadora e promotora de LaconNetwork, explica que tras tres anos de reunións mensuais con máis de 300 emprendedores con proxectos en Galicia, esta edición de aniversario está pensada desde a única perspectiva do emprendedor.
Como novidade este ano, informar que todo o acto será retransmitido por streaming desde teléfonos móbiles a través de múltiples web nacionais e internacionais, “acadando así unha difusión moito maior que calquera outro evento anterior, ao que cómpre engadir os cinco mil seguidores directos que suma o Laconnetwork entre redes sociais e outras canles”, informa AJE.

PUBLICIDADE