AIMEN desenvolve alta tecnoloxía para a fabricación automatizada de dispositivos electrónicos

mércores, 9 de xuño do 2021 S. P.

AIMEN Centro Tecnolóxico, con sede no Porriño e centrado no desenvolvemento de materiais e tecnoloxías de fabricación avanzadas, vén de entrar no último ano do proxecto FLOIM, unha nova iniciativa a través da cal colleron corpo destacadas innovacións para a fabricación automatizada de compoñentes optoelectrónicos (que combinan a óptica e a electrónica), nun só paso e con redución de custos. FLOIM, enmarcado no programa marco Horizonte 2020, iniciouse en xaneiro de 2019 cun orzamento de 6,7 millóns de euros e está previsto que finalice en febreiro de 2022.
No marco do proxecto todos os membros do consorcio, coordinado por AIMEN, traballaron no deseño dos produtos finais que servirán como demostradores das tecnoloxías desenvolvidas para dar resposta á crecente demanda de sistemas de iluminación especificamente adaptados ás necesidades reais dos usuarios.
En concreto, está a traballarse no desenvolvemento de tres demostradores:
-Transceptor de fibra óptica, un dispositivo compacto deseñado para a transmisión de alta densidade de datos; integrando ópticas de alto rendemento sobre o emisor, o que permitirá, en palabras do Centro AIMEN, “aumentar de xeito notábel a velocidade de comunicación”.
-Cabezal de escaneo miniaturizado para codificadores (encoder) ópticos. AIMEN explica que os encoder ópticos son “os dispositivos máis precisos e comúns empregados en aplicacións automatizadas industriais”. Neste senso, engade o centro galego, “FLOIM permitirá optimizar o proceso de fabricación de compoñente ópticos e optolectrónicos, substituíndo as actuais operacións de ensamblaxe e axustes manuais dos principais elementos, por un sistema de fabricación novo mediante inxección directa e microreplicación do compoñente óptico, simplificando a fabricación e incrementado a precisión actual destes compoñentes”.
-Pantalla OLCD flexíbel retroiluminada no alicerce do piar A dos vehículos para eliminar puntos cegos. Actualmente, o alicerce A (pilar A en castelán) dos vehículos (entre o parabrisas e as portas dianteiras) pode ocultar completamente peóns, ciclistas e mesmo outro vehículo nunha intersección, creando graves problemas de seguridade na estrada. Para reducir este punto cego, FLOIM está a desenvolver unha pantalla retroiluminada que mostrará en tempo real as imaxes captadas por unha cámara exterior, facendo transparente este piar a efectos prácticos. “Para poder integrar unha pantalla destas características no dito alicerce dun vehículo é preciso diminuír o espesor co que se fabrican actualmente”, explica AIMEN, engadindo que o equipo de FLOIM traballa na redución deste espesor en até 1 cm e en dirixir a iluminación da mesma para reducir o consumo de enerxía e o quecemento da pantalla.
Ademais, nestes meses deseñouse unha liña piloto completa de fabricación que servirá para validar as tecnoloxías desenvolvidas, especialmente a tecnoloxía de inxección por sobremoldeo para a fabricación de elementos ópticos embebidos para compoñentes optoelectrónicos.
Finalmente, desenvolveuse un sistema de control de calidade que servirá tanto para incrementar o índice de pezas válidas fabricadas coas novas tecnoloxías respecto das tecnoloxías tradicionais, como para ter un estrito control de calidade do 100% dos compoñentes fabricados. Este sistema está actualmente en fase de posta en marcha na liña piloto, xunto co resto da maquinaria necesaria para a súa posta a punto.
Nos vindeiros seis meses, os esforzos centraranse en aplicar estas tecnoloxías na fabricación dos demostradores finais ou os seus compoñentes, así como na integración dos compoñentes da liña piloto e o sistema de control de calidade.
AIMEN Centro Tecnolóxico lidera o consorcio FLOIM, que está composto por un total de 12 entidades, que inclúen empresas, universidades e centros de innovación. Os membros do consorcio son os seguintes: AIMEN (España), Universitat Politècnica de Catalunya (España) Promolding BV (Países Baixos), Hybtronics Microsystems S.A. (España), Mondragon Assembly (Francia), Fagor Automation (España), Adama Innovations (Irlanda), FlexEnable (Reino Unido), Research Center for Non Destructive Testing GmbH - RECENDT (Austria), Fraunhofer IWU (Alemaña), Ceit-IK4 (España), Simulacions Òptiques S.L. - SnellOptics (España).

PUBLICIDADE