AIG democratiza a contabilidade profesional informática co seu novo programa: ClassicConta 6

mércores, 26 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Seguimos (e seguiremos) a falar de innovación galega: cousas que facemos dende aquí malia ter tantas cousas en contra. A compañía AIG SL (Asesoría Informática Galega), un exemplo de creatividade TIC cos seus vinte anos de actividade no eido do desenvolvemento de software de xestión empresarial (e os máis de 80.000 usuarios dos seus produtos), presentounos esta semana o seu novo programa de contabilidade ClassicConta 6, acabado de saír ao mercado amosando recursos de abondo como para facilitar o traballo de contabilidade a todo de tipo de usuarios. Segundo nos conta a empresa con sede en Vigo programa vén cunha serie de novidades moi a ter en conta. Ademais, engade, é extraordinariamente áxil e intuitivo.
Para comezar, ferramentas de contabilización automática directamente dirixidas a aforrarnos tempo e esforzos, “xa que o propio programa identifica e dixitaliza os datos para convertelos en asentos contables”. Iso pódeo facer o software en cuestión en dous planos diferentes: tanto en facturas en formato PDF como en formato en papel (descifra datos de documentos escaneados). “Desde a bandexa do noso escáner”, sinalan fontes da empresa galega, “poderemos ter organizadas no noso ClassicConta 6 as nosas facturas en poucos minutos”. Por outra banda, o programa tamén acubilla un completo feixe de patróns predifinidos, a través das que poderemos personalizar os nosos asentos automáticos segundo o tipo de factura que desexemos.
Asemade, o buscador global posibilita facer buscas intelixentes con criterios variábeis, como referencias ao tempo requirido. O buscador, informa AIG, “está ligado a un potente lector OCR que permite rastrexar imaxes polas palabras ou números que contén”.
ClassicConta 6 sae ao mercado a un prezo de 79,90 euros, incluíndo licenza definitiva e número ilimitado de postos, “un prezo moi asumíbel ao alcance de calquera peto”, comentan responsábeis do seu desenvolvemento, que están a acompañar o lanzamento dun vídeo de presentación das principais funcionalidades do software.

PUBLICIDADE