AI-LALELO, a participación galega nun concurso musical de creacións mediante intelixencia artificial

mércores, 1 de xuño do 2022 Redacción

O vindeiro 6 de xullo terá lugar unha nova edición do AI Song Contest, un certame musical que naceu coa axuda da entidade organizadora do Festival de Eurovisión e no que participan creacións realizadas mediante intelixencia artificial, sorprendendo este ano a participación de Cecubo Group, empresa compostelá que achega o tema AI-LALELO.
A creación musical pretende ser unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura. Mestura raíz e modernidade, cunha base nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición.
A letra de AI-LALELO (á que poñen voz Camille Hédouin, Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro) narra a historia dunha costureira, unha galega de finais do século XIX que compaxina o seu oficio artesanal cos labores domésticos e do campo.
O equipo que desenvolveu AI-LALELO está formado por profesionais moi heteroxéneos (o tecnólogo Juan Alonso, a compositora Sofía Oriana, o produtor musical Xandre Outeiro, o doutor en Telecomunicacións David Santos, a artista dixital Marta Verde e o creativo Joel Cava), que durante 4 meses conseguiu que o sistema de intelixencia artificial aprendese galego baseándose en 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai, para compor unha letra que precisou pequenas adaptacións e correccións, mentres que a melodía baseouse na copla popular A Costureira, a partir da que o sistema xerou distintas liñas melódicas. Na música empregaron gravacións de instrumentos e utensilios de labranza (conseguindo de xeito artificial sons de zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata) e na fase final do traballo engadiron voces, un baixo e unha arpa de boca ao natural, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Tamén se elaborou un vídeo musical da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.
Os responsables deste traballo aseguran que conseguiron unha ferramenta que podería supor un seguro musical para a música tradicional galega. Tamén atoparon fortes vencellos entre a música de raíz conservada nas aldeas e o corpus musical altomedieval galego-portugués.

Vídeo musical co tema AI-LALELO

PUBLICIDADE