AGESTIC proponlle ó Goberno galego un plan de mellora da Rede de Telecentros

martes, 27 de abril do 2010 Raquel Noya

As redes sociais son ferramentas que, a día de hoxe, practicamente se fan imprescindibles para calquera internauta que pretenda manter contacto permanente con amizades e persoas cos mesmos gustos e afeccións, que se atopan a milleiros de quilómetros ou que, por falta de tempo non se poden ver en persoa tan a miúdo como desexarían.
É por isto que a Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicación (AGESTIC) vén de proporlle á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a creación dunha rede social denominada Xinerxia.org, na que os usuarios e usuarias da rede de Telecentros poidan interactuar entre si e recadar información de utilidade para a súa formación en novas tecnoloxías.
Asemade, AGESTIC pídelle á SXMIT “a creación dunha rede única de Telecentros”, así como “un esforzo para que a rede de Telecentros funcione de maneira coordinada e ao servizo de toda a cidadanía, incluídas as PEMES galegas”.
O obxectivo é, segundo afirman, “evitar a dispersión de esforzos actuais”, para o cal veñen de elaborar un documento para “a mellora e dinamización da Rede Galega de Centros de Servizos para a Sociedade da Información”.
En tal arquivo AGESTIC propón, entre outras cousas, “que os Telecentros ubicados en zonas rurais consigan unha infraestrutura básica para o bo funcionamento da instalación, que as asociacións empresariais do sector TIC e as asociacións sectoriais específicas ou locais colaboren entre si ofrecendo accións de formación e de difusión de información axeitadas a cada colectivo, que os Telecentros establezan acordos de colaboración con diversas asociacións empresariais para converterse en Centros de Referencia TIC para a formación dos empregados e autónomos, e que unifiquen as accións formativas da Rede de Centros de Dinamización da Sociedade da Información en base a un catálogo e un itinerario formativo para ir subindo de nivel ás persoas usuarias”.
Asemade, o documento enviado á Secretaría Xeral de Modernización inclúe a proposta de “planificar unha serie de actuacións axeitadas aos seus niveis de coñecementos TIC, alfabetización, aplicacións de xestión… que permita aos Telecentros ser Centros de Demostración de Produtos e Servizos TIC”, o que permitirá, segundo afirman, “que as empresas galegas dedicada ás TIC poidan reunir a grupos de autónomos e micropemes para mostrarlles o funcionamento de produtos ou servizos TIC que signifiquen unha mellora competitiva”. Para iso, engaden, “os Telecentros han de contar con dispoñibilidade de horarios e persoal que os atenda”.
Con estas medidas, AGESTIC plantéxalle á SXMIT que a recuperación económica de Galicia debe de basearse no uso intensivo e xeralizado das TIC, con especial atención ao desenvolvemento, implantación e mantemento de novos proxectos TIC no medio rural.

PUBLICIDADE