AGESTIC e o BUSSI, ao servizo dos comerciantes en MIT

venres, 19 de outubro do 2007 Raquel Noya

A fin de apoiar e acadar o éxito da Mostra de Innovación Tecnolóxica (MIT) (que se celebrará este sábado día 20 en Lugo), a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC) vai organizar unhas xornadas de información no BUSSI (o bus da Sociedade da Información), sobre a modernización dos comercios a través das TIC que terá lugar no decurso da devandita mostra en Lugo.
Estas xornadas TIC teñen como obxectivo que os comerciantes que se acheguen a MIT teñan unha experiencia titorizada por un experto sobre como implantar aplicacións informáticas e de modernización da xestión dun xeito práctico.
AGESTIC levará a cabo dous obradoiros no BUSSI, o autocar estacionado na entrada do Pazo de Feiras e Congresos, nos que se verá que as tecnoloxías teñen grandes vantaxes para a xestión do comercio, achegando de xeito práctico datos sobre como modernizarse e mellorar a competitividade dos pequenos comerciantes como ferramenta útil fronte á competencia das grandes superficies.
Para acudir a estes obradoiros (reservados a un máximo de 20 comerciantes por sesión), os interesados deberán recoller unha invitación no stand de AGESTIC no MIT, mentres que o resto da xornada o BUSSI será de libre acceso para todos aqueles comerciantes que desexen información, conexión a Internet ou coñecer aplicacións relacionadas coa actividade comercial.

PUBLICIDADE