AGESTIC e a Deputación de Pontevedra fanse con dous dos catro galardóns de Fundetec
venres, 22 de febreiro do 2013

- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, recollendo o galardón
A oitava edición dos
premios de Fundetec, tal e como
vimos anunciando
(e prevendo), foi especialmente nosa. En palabras da organización
deste certame, a dita fundación, na resolución final dos premios
estes “falaron galego”. De feito, na entrega destes
recoñecementos celebrada este xoves pola noite, impuxéronse dúas
entidades nosas polo seu labor de desenvolvemento TIC e, máis polo
miúdo, pola súa arela de levalo á sociedade. Falamos da Deputación
de Pontevedra e máis da Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC.
O organismo provincial obtivo o Premio ao Mellor Proxecto de Entidade
Pública ou Privada dirixido a PEME, microempresas e Autónomos, todo
grazas ao seu proxecto Life+Viñas
Atlánticas. Pola súa parte, AGESTIC recibiu o Premio ao
Mellor Proxecto de Entidade Sen Ánimo de Lucro dirixido a Cidadáns
pola súa iniciativa Destino
Emprego.
Volvendo a Life+Viñas
Atlánticas, dicir que se trata dun proxecto, arestora en activo,
de viticultura intelixente que se dirixe a limitar a problemática
causada nos viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas polo
fungo mildiu.
Consiste, tal
e como sinalamos no seu día, na implantación dun sistema de
xestión integral de viñedos, unha rede sensorial sen fíos e unha
plataforma que permite recoller e procesar todos os datos recolleitos
para transformalos en coñecemento. Deste xeito conséguese reducir o
uso de produtos químicos e mellorar o rendemento económico e
ambiental. Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra,
recolleu o premio de mans de Bruno Porchietto, director xeral de Hibü
España (patrón de Fundetec), e amosou o seu “orgullo por facer
posible o desenvolvemento dun proxecto recoñecido como o máis
innovador en viticultura en España, que contou co entusiasmo dos
viticultores de Rías Baixas e da comunidade galega”.

- José María López Bourio, presidente de AGESTIC, na entrega de recoñecementos
Polo
que se refire ao recoñecemento a AGESTIC, dicir que a súa
iniciativa Destino Emprego
tamén ten pasado por Código Cero, onde
falamos en detalle das persoas beneficiadas, laboralmente
falando, pola formación tecnolóxica que pon en xogo: máis de 300
mulleres galegas ata o de agora. Máis polo miúdo e en palabras de
AGESTIC, “Destino Emprego é un proxecto piloto
que persegue a formación de mulleres co fin de favorecer a súa
incorporación ao mercado laboral ou a posta en marcha da súa propia
empresa”. Para iso, achega dous itinerarios formativos dixitais
(a modo de liñas de metro) que, segundo o destino sexa o emprego ou
o autoemprego, componse de diferentes paradas que proporcionan unha
serie de contidos e recursos, fornecendo ademais titorización e
asesoramento personalizado específicos. A directora de Políticas
Públicas de Google España, Bárbara Navarro, entregou o seu trofeo
e o seu cheque de 15.000 euros a José María López Bourio,
presidente de AGESTIC, quen fixo saber que “neste complicado
contexto económico e social, este tipo de proxectos adquiren máis
sentido, e é clave o labor dos organismos intermedios, próximos ao
cidadán e ao tecido empresarial local”. Amais, reclamou a
continuidade e réplica dos proxectos financiados con diñeiro
público para garantir o seu máximo percorrido e utilidade.
Máis logros galegos
Pero houbo máis presenza
galega na recta final dos galardóns de Fundetec. De feito, o
terceiro gañador foi Oficio e Arte, Organización dos Artesáns de
España, Premio ao Mellor Proxecto de Entidade Sen Ánimo de Lucro
dirixido a PEME, Microempresas e Autónomos por Talleres abertos,
un proxecto que foi desenvolvido pola Asociación Galega de Artesáns
(finalista na edición anterior destes galardóns) e que agora deu o
chimpo a nivel estatal. Pola contra, non acadou o trofeo a Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), finalista na
categoría de Mellor Proxecto de Entidade Pública ou Privada
dirixido a Cidadáns co seu proxecto Abalar, que foi parar
finalmente á Dirección Xeral da Policía pola súa iniciativa
Policía 2.0.
Entrega de Premios
A cerimonia de entrega de
premios, presentada pola xornalista Lourdes Maldonado, tivo lugar no
Museo do Traxe de Madrid, nun acto que contou coa presenza de máis
de 200 persoas, entre elas representantes da Administración Central,
Autonómica e Local e executivos de empresas, fundacións e
asociacións de primeiro nivel. Outras tantas persoas seguiron a
retransmisión en directo a
través do blog oficial (onde agora pode verse agora en
diferido), e en Twitter o hashtag #PremiosFundetec conseguiu
converterse en Trending Topic en Madrid. Durante o seu
discurso de clausura, o secretario de Estado de Telecomunicacións e
para a Sociedade da Información, e presidente de Fundetec, Víctor
Calvo-Sotelo, asegurou que “ante os retos requírese enxeño e
creatividade, e iso é o que amosaron todos os
premiados co recoñecemento de Fundetec”.
O xurado encargado de
elixir os proxectos gañadores, entre un total de 216 candidaturas,
estivo formado por Víctor Calvo-Sotelo, presidente de Fundetec;
Ignacio Tremiño, director xeral de Políticas de Apoio á
Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e
Igualdade; Manuel Mañas, vicerreitor de Innovación da Universidade
Complutense de Madrid; José Luís Virumbrales, vicepresidente da
Asociación Española de Parques Tecnolóxicos; José Manuel Vilar,
director xerente de CEPYME; Enrique Muñoz, director de Mercadotecnia
e Relacións Institucionais de Informática El Corte Inglés; e
Miguel Anxo Turrado, director de Estratexia e Tecnoloxía de
Hewlett-Packard España.
