AGEDI consegue o bloqueo de 7 páxinas web de descargas

luns, 28 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Por mor dunha denuncia da Asociación de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual (AGEDI), o Xulgado Mercantil nº 1 de Barcelona ditou unha sentencia que obriga aos provedores de acceso á Internet españois a bloquear o acceso a sete importantes páxinas web que facilitan as descargas a través da rede de intercambio de arquivos BitTorrent. As páxinas web en cuestión sería Masquetorrent, Isohunt, 1337x, Limetorrents, Torlock, Torrentfunk e Extratorrent.
Aínda que varias destas páxinas web son coñecidas principalmente en España, no caso de 1337x a súa sona é global, con máis de 85 millóns de visitas ao longo do último ano, o que podería supor uns ingresos moi importantes en publicidade.
Estamos ante a segunda grande vitoria xudicial de AGEDI, entidade que xa conseguira o bloqueo de ExVagos, aínda que cómpre lembrar que estamos a falar só de bloqueos dende o territorio español, o que podería ter un impacto moi reducido en varios dos servizos en vías de bloqueo (no momento de escribir estas liñas estaban accesibles sen problema), á vez que tamén resulta moi doado para os responsables dos servizos habilitar vías alternativas de acceso para saltar os vetos rexionais.

PUBLICIDADE