AGBO presenta unha actividade bootcamp de programación para lanzarnos ao Silicon Valley

luns, 9 de febreiro do 2015

AGBO, firma da que falamos recentemente tralo seu acordo co CPEIG, vén de presentar un produto formativo que tira proveito das metodoloxías propias dos bootcamp (programas intensivos, actividades moi especializadas) para prepararnos o camiño aos grandes centros de desenvolvemento TIC. O produto, moi indicado para desenvolvedores e emprendedores TIC, chámase KeepCoding StartUp Engineering Master BootCamp. A primeira edición comeza o vindeiro 14 de marzo. Os contidos serán impartidos a través dun modelo de b-learning, que segundo informan os organizadores permite que os alumnos poidan seguilos desde calquera lugar do mundo. A duración do programa é de seis meses. O gran obxectivo: aprender en que consiste a arquitectura fundamental de calquera produto de software e como desenvolvelo.
Máis en detalle, familiarizarase aos participantes co miolo que acubilla calquera aplicación ou programa de éxito da actualidade (Facebook, Whatsapp, Instagram, Line, Pinterest, Spotify, Evernote), “xa que moi poucos profesionais son os que coñecen e manexan con soltura estas arquitecturas e estes elementos”, arquitecturas e elementos que, por outra banda, adoitan repetirse con pequenas variacións e ser sempre empregados de xeito semellante.
Por certo que a esa formación eminentemente técnica, engadiránselle prácticas, titorías e unha serie de clases maxistrais e consellos clave con personaxes relevantes e internacionais da industria das startups, a programación e o emprendemento. Os contidos afundirán nas máis variadas cuestións de índole práctica; dende cousas como o funcionamento real do Silicon Valley até as claves que debemos ter en conta e nunca esquecer sobre como emigrar aos Estados Unidos e traballar dende alí. Segundo engaden os responsábeis do curso, “trátase dun programa 100% dirixido á industria, único na súa categoría, mesmo a nivel internacional”. Para quen queira máis información, dicirlle que recentemente celebrouse un webinar de presentación do BootCamp coa participación de convidados estranxeiros.

PUBLICIDADE