AGAPI organizará no Cultur.gal un obradoiro sobre novas tecnoloxías de son para o cinema

martes, 25 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) vai organizar no marco da feira Cultur.gal un obradoiro destinado a achegar coñecemento teórico e práctico sobre as técnicas máis innovadoras de sonorización de cinema. A actividade, aberta de xeito íntegro á participación do público, será impartida por Diego Staub, técnico de Cinemar, o único estudo de son de Galiza certificado por Dolby Digital (na imaxe, as instalacións do dito estudo). Os obradoiros, previstos para os vindeiros 4 e 5 de decembro en horario de 18 a 19.30 horas, abranguerán unha boa parte da liña de produción: o deseño sonoro, a montaxe de son, os efectos sala ou a mestura de son (Estéreo, Surround, Dolby Dixital, Dolby EX, Dolby SR, DTS, etc.).
Os visitantes da feira Cultur.gal, engade AGAPI, tamén poderán ver en directo como se introduce a música nunha película, o son ambiente, os diálogos e os efectos sala. AGAPI, asociación do sector audiovisual e membro do consello asesor de Cultur.gal, contará cun stand no salón no que amosará os diferentes produtos audiovisuais dos seus asociados e dará a coñecer as principais actividades da Asociación a prol da produción independente.

PUBLICIDADE