AGAPI organiza unhas novas xornadas formativas posicionamento e mercadotecnia

mércores, 27 de setembro do 2023 S. P.

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) organiza o vindeiro día 3 de outubro de 2023 entre as 10:30 e as 14:00 unhas xornadas de formación presenciais adicadas a poñer en común diferentes estratexias de posicionamento (visualización en redes e buscadores) e mercadotecnia (marketing) no mercado audiovisual nacional e internacional. As xornadas contarán coa presenza “dalgunhas das voces mais relevantes do sector”, en palabras de AGAPI.
Dividiranse en tres relatorios: Estratexias de marketing e xestión de redes sociais no mercado nacional, impartida por Pilar Toro (directora de marketing e comunicación de FILMIN); As posibilidades internacionais do cinema de animación, cuxa relatora será Chelo Loureiro (produtora en Abano Producións) e Como introducir e promocionar o teu proxecto audiovisual no mercado internacional e nos festivais: estratexias de venda da man de Rosa Bosch (consultora independente).
As xornadas levaranse a cabo no Consello da Cultura Galega (pazo de Raxoi, Santiago de Compostela). Esta formación, de balde, precisará unha inscrición previa que se poderá realizar enviando un correo a prensa@agapi.gal co nome e apelidos antes do 02 de outubro.
Trátase dunha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE