AGAPI converte á rapazada de Secundaria en creadora de contidos

luns, 9 de outubro do 2023 S. P.

Promover o audiovisual en lingua galega entre a xente de Secundaria é o obxectivo do programa Educa Audiovisual, unha proposta que xorde froito do acordo de colaboración entre AGAPI, o Instituto da Cinematografía e das Artes Cinematográficas (ICAA) e a Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Educa Audiovisual xa estivo presente en diversos Institutos de Ensinanza Secundaria (IES) da nosa xeografía, cun moi bo resultado. O catálogo dixital desta proposta inclúe: filmes, series, curtametraxes e videogramas, a través dos que se abordan moi diferentes temáticas co fin de que poidan ser empregados como material de traballo na aula nas distintas materias curriculares.
A lingua, a memoria e o territorio son os tres eixos arredor dos que xiran as 14 obras, sempre dende un punto de vista actual e accesíbel, que mestura a linguaxe documental e as técnicas fílmicas de vangarda. A finalidade é achegar ao profesorado unha nova ferramenta para fornecer coñecemento aos seus estudantes empregando como base contido audiovisual de calidade e en galego.
Indo ao miolo do Educa Audiovisual, cada unha das fichas dos traballos desta escolma sintetiza a súa temática e a súa sinopse, amais de facilitar as ligazóns para o seu visionado na aula. A maiores deste uso libre do catálogo, este programa ofrécelles aos centros a posibilidade de acceder a unha serie de coloquios a través dos que se busca enriquecer esta experiencia facilitando o contacto do alumnado cos profesionais do sector, ao tempo que se favorece a reflexión e o desenvolvemento do espírito crítico.
O catálogo, a disposición de todos os institutos galegos de Educación Secundaria, está conformado pola serie documental 225 Km / 24 h., de Miramemira; A dobraxe en galego, un modelo de normalización, de Recrea Films con dirección de Chema Gagino; A mestra de escola, de Alba Prol e produción de Meteórica Cine; Ahí ven o Maio, sobre o primeiro disco homónimo de Luis Emilio Batallán, de Tamboura Films; as curtametraxes de Sétima As ondas, dirixida por Ángel Filgueira, e Crianza; a peza Elas, produtoras executivas, realizada pola propia AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes); Mourelle de la Rúa. O último gran descubridor, de Chema Gagino e Amalia Mato; a serie de pezas documentais O camiño das estrelas, de Tamboura; Os camiños do neno labrego, de Noveolas Producciones; Por vir, documental de Eloy Domínguez Serén producido por Zeitun Films; Repartidores do rural, de Miramemira; Tesouros somerxidos, de Tex45, e Videogramas. A propósito de Compostela, de Numax.


PUBLICIDADE