AGADIC e o Gaiás poñen en marcha un espazo de coworking para profesionais da cultura e das comunicacións

venres, 7 de decembro do 2012 Redacción

A Cidade da Cultura de Galicia e a axencia AGADIC están a pór en marcha un espazo físico e virtual de traballo destinado a profesionais do sector da cultura galega. Chámase Emprende Cultura Gaiás, e está situado no Centro de Emprendemento Cultural e Creativo de Galicia. Este escenario de coworking encamíñase, máis polo miúdo, a achegarlles aos profesionais unha serie de recursos de uso común para o seu labor, entre os que se conta unha rede de contactos de seu, un programa especial de formación e máis unha serie de canles para presentar proposta e ideas ante as empresas do sector. Este espazo preséntase este mes de decembro en dúas quendas, o 11 e o 13 de decembro ás 17.00 horas, abranguéndose visitas ao emprazamento do proxecto e presentación do mesmo.
Trátase, en total de vinte postos de traballo a un prezo de 120 euros máis IVE cada que, entre outras cousas, inclúe o dereito a empregalo de 8 a 22 horas, de luns a sábado, todo o ano.
Ofrécese, ademais dos servizos básicos (mesa de traballo, cadeira, estante, conexión a internet de alta capacidade, conexión telefónica, caixa de correo, armario persoal con chave, subministro eléctrico, auga e calefacción), “a posibilidade de dispor dunha sala de reunións de grupos equipada con acceso Wi-Fi e proxector e dunha dunha sala-despacho”, informan AGADIC e a Cidade da Cultura.
A estes emprazamentos profesionais, engaden, poden optar representantes das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programación de aplicacións informáticas e proxectos culturais na Internet, arquitectos e aqueles outros con vinculación no emprendurismo cultural. Poderán admitirse profesionais independentes ou emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos, sinálase.
Para solicitar un posto no espazo de coworking é preciso realizar a solicitude antes do vindeiro 30 de decembro na web AGADIC, acompañada dunha memoria do proxecto a desenvolver.

PUBLICIDADE