AFundación acolle en outono en Vigo 8 congresos sobre tecnoloxías, New Space, xustiza ou pesca

luns, 22 de agosto do 2022 S. P.

A sede de AFundación en Vigo acollerá este outono, entre os meses de setembro e novembro, oito congresos que reunirán a profesionais de prestixio nacional e internacional en ámbitos diversos como a saúde e investigación médicas, as tecnoloxías, o xurídico, o sector pesqueiro ou a industria espacial.
A primeira cita, o PulpoCon22, arrincará o vindeiro xoves 1 de setembro e reunirá ata o sábado 3 a membros da comunidade de desenvolvedores informáticos de Galicia e a súa área de influencia, que participarán en charlas e obradoiros de programación sobre o movemento crafter e as metodoloxías que garanten códigos e linguaxes limpas (clean code). Relatores de Galicia, España e o estranxeiro abordarán as distintas técnicas, arquitecturas e modelos.
O 16 e 17 de setembro celebrarase o V Congreso SGH, un foro de encontro de profesionais da saúde especializados en feridas de difícil cicatrización. Expertos nacionais e internacionais presentarán a través de relatorios, simposios e obradoiros as últimas novidades neste ámbito.
En outubro, entre o 1 e o 3, terá lugar o Congreso FAO-Conxemar, que se celebra na Sede AFundación de Vigo, como encontro previo á XXIII Feira Conxemar. Contará coa participación de autoridades pesqueiras de 20 países e expertos a nivel mundial, entre os que estarán máximos representantes de FAO.
Os días 20 e 21 de outubro celebrarase o XXI congreso SEDIA, que reunirá a profesionais do diagnóstico por imaxe do abdome a nivel nacional e internacional, para mostrar os últimos avances neste eido. Entre outros, abordarán as doenzas inflamatorias intestinais, as investigacións e avances sobre a enfermidade de Crohn, os protocolos básicos e avanzados etc.
Outubro finalizará coa celebración os días 27 e 28 do New Space España 2022. A sede Afundación de Vigo acollerá a segunda edición deste evento pioneiro, que en 2018 converteuse no primeiro encontro español que reuniu aos novos actores do que se coñece como New Space e ás empresas e organismos líderes do sector espacial en España. Durante as dúas xornadas abordaranse as tendencias actuais da industria e a innovación espacial.
O 8 de novembro Empresarias de Galicia celebrará o seu congreso, dirixido a todo o sector empresarial de Galicia, co obxectivo de visibilizar e promocionar o papel da muller no ámbito empresarial e social.
Os días 11 e 12 de novembro a Asociación de Xuristas Galegos, que reúne a máis de 200 profesionais do sector en toda Galicia, avogados, procuradores, xuíces, fiscais, secretarios, inspectores ou funcionarios, celebrará os seus Xornadas de outono de Dereito Social, co fin de “achegar a xustiza ao xusticiable, para mellorala e cumprir adecuadamente os seus obxectivos”.
Finalmente, o 24 e 25 de novembro a Sede Afundación acollerá a XXIII reunión do Grupo de Traballo de Enfermidades Infecciosas e Sepsis, da Sociedade Española de Medicina Intensiva onde se tratarán, entre outras temáticas, o cambio da medicina intensiva coa pandemia, novos problemas nas UCIs ou os avances terapéuticos.

PUBLICIDADE