AETIC, positiva co camiño que están a levar as TIC en España

mércores, 23 de xullo do 2008 Raquel Noya

Segundo un informe elaborado pola Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España (AETIC), en colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o mercado español das tecnoloxías da información obtivo en 2007 unha facturación total de 18.227 millóns de euros, o que supón un incremento do 9 por cento e unha taxa de medre que duplica a media europea.
O estudo, As Tecnoloxías da Información en España, acada a súa vixésima edición este ano e vén de analizar os principais datos do sector tomando como referencia as cifras do mercado interior neto que reflicten o valor das transaccións cos usuarios finais. Este é, polo tanto, o indicador máis significativo para a medición da demanda interna, tanto de produtos como de servizos e os resultados acadados son máis que esperanzadores para as Tecnoloxías da Información en España.
O mercado interior neto medrou un 9 por cento e situouse en 12.596 millóns de euros. As meirandes taxas de crecemento dentro do mercado interno corresponden aos servizos informáticos, seguido polos servizos telemáticos e interactivos.
O software, situado en terceiro lugar, experimentou unha subida do 10,3 por cento e o hardware obtivo un 7,2 por cento máis de beneficios que o pasado ano.

Medran os investimentos en I+D e o emprego cualificado
O gasto en I+D das empresas españolas de tecnoloxías da información ascendeu en 2007 a 627 millóns de euros, o que supón un incremento do 21,4 por cento con respecto ao ano anterior. Este resultado implica que as empresas do sector dedicáronlle ata un 3,4 por cento da súa facturación á actividade investigadora, unha cifra moi superior á do índice nacional.
En canto ó emprego, o número total de traballadores do sector ó peche de 2007 ascendeu a 203.763, o que representa unha mellora do 5,6 por cento e unha taxa de titulados de 57,6 por cento.
A meirande parte dos postos de traballo creados o pasado ano correspondían á área de produción de software, seguida da de comercial-marketing e mantemento.
Asemade, cabe destacar que a produtividade media do sector incrementouse nun 3,2 por cento en termos de facturación por empregado.

PUBLICIDADE