AEMOS impulsa a súa xornada de negocios cunha nova web

xoves, 14 de abril do 2016 Redacción

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) recunca co seu “seu evento anual por excelencia”. Trátase da cuarta edición da súa Xornada de Negocios para empresas da comarca, interesadas en establecer relacións comerciais, ofrecer os seus produtos, intercambiar experiencias e aumentar a súa rede de contactos facilitando o networking. No evento salientaranse as potencialidades da área industrial da Veigadaña (PEMOS) e máis a oferta de servizos que o territorio de Mos ofrece ao tecido empresarial. Presentaranse, ademais, novos servizos tecnolóxicos para os empresarios, incluída a web específica da xornada, que xa está plenamente operativa.
A cita será o vindeiro xoves, 21 de abril, a partir das 09.00 horas, no Club Financeiro de Vigo. Poderase dar acubillo a medio cento de empresas.
Como dixemos, nesta ocasión un dos obxectivos do evento será o de realzar o PEMOS, dirixíndose tanto ás empresas que xa están instaladas (difundindo e promovendo as distintas actividades empresariais que hoxe en día se desenvolven no parque), como a aquelas que puidesen estar interesadas. “As empresas que se dean cita na xornada”, sinala AEMOS, “poderán coñecer as potencialidades que ofrece esta área de negocio en crecente desenvolvemento e os proxectos en marcha”.
Persoal das institucións competentes explicarán ademais as distintas liñas de axudas e incentivos existentes para a implantación de procesos produtivos, así como das infraestruturas e servizos adecuados a novos tempos e en resposta ás novas necesidades.
Nesta edición, a xornada incorpora dúas novidades de última xeración: tecnoloxía NFC con aplicación propia e unha páxina web de seu, aemos.es/jornadadenegocios, o portal deseñado especificamente para o evento no cal exponse toda a información respecto do mesmo e, a través do cal, tamén se pode realizar a inscrición ou consultar calquera dúbida.
Polo que respecta á tecnoloxía sen fíos a curto alcance (NFC), trátase en palabras de AEMOS de “prescindir do papel”, dispondo de “toda a información en dixital á que se pode acceder desde calquera dispositivo móbil”. E engaden os responsábeis da asociación acerca das vantaxes desta tecnoloxía: “Cando as empresas se rexistren poderán subir á aplicación todo o que desexen, desde o tarxeta de visita até a presentación ou os seus produtos e servizos, co obxectivo de que mediante un clic outra usuario poida visualizalas, ficando todo almacenado nunha base de datos á que se pode acceder en calquera intre”.

PUBLICIDADE