ADEGA lanza unha web con recursos libres para pasar a corentena

martes, 14 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

A asociación ecoloxista galega ADEGA, curtida dende hai anos nos máis diversos xeitos de aproveitar as redes para divulgar e mobilizar, está a dar novos pasos na súa actividade online estes días de pandemia e confinamento. E faino con euficonacasa.adega.gal. O obxectivo: axudarnos a pasar a corentena ao tempo que incrementa o coñecemento que temos do noso medio natural e dos mellores elementos dos que dispomos para protexelo. Os contidos da organización ecoloxista son recursos de libre acceso, didácticos, divulgativos e en galego.
“Queremos compartir saberes e experiencias sen restricións ou exclusividades, e propoñer solucións ante un futuro que se nos presenta difícil e de profundos cambios estruturais e, por tanto, que afectan ao noso estilo de vida”, explican dende a asociación, poñendo o foco na súa vontade de contribuír a “unha forma de vivir máis amábel e máis sustentábel fronte a crise climática”.
Segundo informa ADEGA, a acollida desta iniciativa tecnolóxica para afrontar o período de confinamento estase a saldar con grande éxito, “sendo a día de hoxe varios os centos de persoas subscritas ás Eco-ideas de ADEGA para pasar a corentena”. Porén, a entidade quere incrementar aínda máis a repercusión da iniciativa polo que fai un chamamento outros colectivos e organizacións de ámbito galego para que se animen a compartir nesta campaña os seus recursos e ideas para “pasar o confinamento e tamén para aplicar na nosa vida diaria unha vez transcorrida a crise sanitaria”. Neste sentido, xa están a colaborar con ADEGA unha ducia de colectivos entre os que están as ANPA galegas, sindicatos do ensino (STEG, CIG-Ensino), sindicatos agrarios SLG, FRUGA), organizacións culturais (A Mesa, Culturmar, Rede Galega polo Patrimonio) ou de carácter ambiental (CEMMA, Fundación Eira, GNHábitat, Mycogalicia, Cousa de Raíces).
Segundo informa ADEGA, a través de euficonacasa.adega.gal calquera persoa con acceso á Rede poderá acceder a unha chea de Eco-ideas ou propostas de actividade relacionadas coa ecoloxía e co coidado ambiental, ou material divulgativo de diferentes proxectos e experiencias sustentábeis que pretenden preservar e dar a coñecer, tanto o patrimonio natural, como o patrimonio cultural de Galiza.
Os formatos do material achegado son do máis variado: vídeos-obradoiro, fichas de actividades, fichas de identificación de flora e fauna, lecturas recomendadas, páxinas web sobre proxectos de interese, manuais, etc.
Alén das Eco-ideas de ADEGA, este URL contén tamén aquel material divulgativo ou recursos externos procedentes das entidades colaboradoras.
A asociación engade que calquera persoa ou entidade que queira contribuír coa súa achega ou recurso a esta campaña tamén o pode facer enviando a proposta a través da web de Eco-ideas de ADEGA.

PUBLICIDADE