ADEGA anima á comunidade a defender e reivindicar os nosos humidais a través dunha web de seu

venres, 31 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, quere conmemorar a fondo o Día dos Humidais, este domingo 2 de febreiro, unha celebración que nos toca moi de preto e máis tendo en conta dúas cousas: a gran cantidade deles que acubilla a nosa terra e o mal estado de conservación no que se atopa a gran maioría das nosas lagoas e charcas. O ingrediente a ter en conta, polo menos no que a Código Cero se refire, é que ADEGA vai celebrar esta xornada in situ nos humidais pero tamén na rede. Farase (non só este domingo, senón tódolos días do ano) a través do proxecto Charcas con Vida, que ten web de seu, e na que podemos colaborar xa achegando datos do humidal que nos quede máis preto ou que mellor coñezamos.
A web da iniciativa Charcas con Vida, que fornece novas do proxecto e información sobre estes pequenos ecosistemas, acubilla para o devandito traballo colectivo un apartado chamado Inventario de Charcas. Nel, informa ADEGA, calquera persoa pode introducir a localización e os datos dunha charca, braña ou área asolagada, amais dalgunha foto, “dun xeito rápido e doado”. O obxectivo é inventariar grazas ao voluntariado os pequenos humidais galegos. “Son moitas as charcas que xa aparecen nel, pero queremos que sexan moitas máis”, engaden dende a asociación. E animan deste xeito á comunidade galega en liña: “Se coñecedes algunha charca, pilón, braña, ou zona inundada podes engadila na nosa listaxe”. Charcas con Vida abrangue tres grandes liñas de traballo: divulgación da importancia de dos valores das charcas, creación dunha rede cidadá para o seu estudo e inventariado, actuacións de construción e recuperación de charcas mediante acordos de custodia do territorio e voluntariado ambiental.
Segundo informa ADEGA, a un nivel máis xenérico, no Estado español existen hoxe en día 74 humidais protexidos baixo esta figura que cobren 303,090 Hectáreas. A nosa terra acubilla 5 destes humidais protexidos (Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Rías de Ortigueira e Ladrido; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; Lagoa e areal de Valdoviño; Ría do Eo). “Porén”, sinálase, “a meirande parte dos humidais non son grandes lagoas se non que están constituídos por pequenas zonas húmidas como brañas, turbeiras ou charcas que acollen unha importante biodiversidade e desenvolven un papel fundamental na regulación do ciclo da auga”. ADEGA apunta a que estes ecosistemas foron “tradicionalmente esquecidos” e como consecuencia atópanse desprotexidas. “As pequenas charcas non contan con figuras de protección que as garantan a súa conservación”, informa ao colectivo.
O proxecto Charcas con Vida comezou ha aproximadamente un ano no día dos humidais (2 de febreiro) coa celebración da xornada Charcas con Vida. Iniciativas para a conservación de charcas, celebrada en Pontevedra. Alí déronse cita varias persoas do mundo científico ligado ás charcas e a súa fauna, así como relatores de Portugal e Menorca para falar de interesantes proxectos desenvolvidos nestes ecosistemas.

PUBLICIDADE