AC/DC leva a súa discografía a iTunes

martes, 20 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Tras moitos anos de espera, Columbia Records e Apple chegaron a un acordo para distribuír o catálogo completo da formación AC/DC de xeito dixital a través da tenda de descargas de iTunes, de xeito que xa podemos adquirir dende o álbum High Voltage de 1976 ata o Black Ice de 2008, pasando por clásicos como Back In Black, atendendo así a unha elevada demanda por parte dos seguidores da banda australiana, que agora pode facerse cos seus 16 álbums de estudio, 4 álbums en directo e 3 recompilatorios, coa posibilidade de mercar as cancións de xeito independente. Tamén é posible facerse por 79,99 euros coa recompilación dos álbums de estudio de AC/DC, e por 109,99 euros coa discografía completa.
Este lanzamento en iTunes lémbranos ao de hai 2 anos, cando The Beatles levaron a súa discografía á tenda dixital de Apple, de xeito agora xa non quedaría ningunha das grandes formacións musicais con discos no mercado sen presenza nas plataformas de distribución en liña ás que opuxeron tanta resistencia inicial as discográficas.

PUBLICIDADE