ABANCA permite pagar co móbil dende calquera smartphone Android con NFC
martes, 26 de decembro do 2017
ABANCA lanza para os seus clientes un novo servizo dixital
para pagar co móbil, o wallet ABANCA, que permitirá aos clientes da entidade
financeira galega ter todas as súas tarxetas ABANCA no móbil e pagar
directamente co seu smartphone en calquera establecemento comercial no que se
poida utilizar unha tarxeta de débito ou crédito contactless, non sendo preciso contar cun smartphone compatible con
Apple Pay ou Samsung Pay (chega con ter un teléfono con Android 4.4 ou superior
que conten con tecnoloxÃa NFC).
O novo servizo de carteira dixital está dispoñible de balde na
aplicación de pagos de móbil a móbil da entidade financeira, ABANCA Pay (para
Android). Poderase asociar calquera tarxeta VISA ou Mastercard, de crédito
ou débito, de ABANCA. Tamén se incorporou a esta aplicación a funcionalidade de
Masterpass, un novo medio de pago para facer compras na Internet a través do
móbil, tableta ou ordenador.
Pagar a través do wallet ABANCA é sinxelo e seguro.
Simplemente dende a aplicación de ABANCA Pay o cliente terá acceso ao servizo
de wallet e Masterpass. As tarxetas de crédito e débito de ABANCA que teña o
usuario cárganse directamente na aplicación e non ten que introducilas o
cliente, xa que a aplicación móbil está asociada á súa conta de banca
electrónica. Unha vez cargadas as tarxetas, o wallet pedirá un PIN para
realizar os pagamentos co móbil.
Para pagar nos comercios, só hai que desbloquear o
móbil e achegalo ao TPV, se o pago supera os 20 euros deberemos teclear no TPV
o PIN do wallet. Tamén se incorpora a autenticación dos pagos con pegada
dixital desde o móbil, de tal modo que o cliente valida con plena seguridade a
operación desde orixe no propio dispositivo e para calquera importe, sen
requirirse neste caso o tecleo de PIN no TPV.