A youtubeira Nuria Espasandín e a editora Cecilia Fernández, na terceira edición do LGx15

xoves, 9 de novembro do 2017 Redacción

O espírito de LGx15 segue vivo e dando novos froitos. Esta mesma tarde, na Sala Capitol de Santiago, celébrase (a partir das 18.00 horas) a terceira edición do evento, organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística co obxectivo de mostrar e compartir ideas innovadoras para o futuro da nosa lingua e asentar os alicerces de novas propostas. Haberá charlas breves de duración, apoio audiovisual, música e humor. Entre outras relatoras, contarase coa presenza de Cecilia Fernández Santomé, editora da publicación dixital Coolt, revista mensual e en galego sobre moda, tendencias e estilos de vida. Nesta nova entrega do LGx15 tamén falará a alumna de Dereito (UDC) Nuria Espasandín, coa charla A lingua non é unha peza de museo.
Nuria, como lembraremos, foi finalista este mesmo ano na primeira edición de Youtubeir@s e ten un espazo de seu en YouTube dende o que convida á reflexión colectiva sobre a democracia e a liberdade na que supostamente vivimos, sobre o galego ou sobre determinadas materias pendentes no sistema educativo.

Youtubeir@s

A primeira edición de Youtubeir@s, como lembraremos, resolveuse o pasado mes de maio no Teatro Principal de Ourense, nunha gala na que participaron máis de cen persoas e na que se entregaron os galardóns do certame. A colleita do certame foi ben salientábel: máis de 200 vídeos sobre diferentes xeitos de vivir en galego e de reivindicalo. A iniciativa veu da man dos servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

PUBLICIDADE