A xuntanza en liña de Innovación en Madeira pon na Rede a vangarda do debate construtivo

xoves, 31 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

O portal meetingpointlignum.com dá acubillo estes días á nova edición, a segunda, do Encontro Online de Innovación en Madeira, que este ano ten como principais eixes temáticos a arquitectura social ligada ao uso da madeira como materia prima construtiva, cuestión que xa está a ser tratada por destacados arquitectos galegos, españois e portugueses. Como o galego César Portela, Premio Nacional de Arquitectura en 1999, que achegou ao abeiro desta xuntanza un percorrido dixital por oito dos seus proxectos no devandito material, tan esencialmente galego, proxectos entre os que se conta o Museo de Historia Natural de Santiago (Vista Alegre). A xuízo de Portela, o dito material é e seguirá a ser un elemento fundamental no sector, indispensábel e insustituíbel. O evento desenvólvese de xeito íntegro na Rede, cos internautas comunicándose cos diferentes relatores por medio dun foro específico. O encontro en liña vén da man da rede Lignum Facile, do Cluster da Madeira de Galicia.
Amais da intervención de César Portela, o evento tamén deu acubillo aos relatorios en liña dos integrantes do estudo Arrokabe Arquitectos, que debullarán polo miúdo os detalles das súas obras, novas e de rehabilitación, empregando a fondo a madeira. Este xoves 31 de xaneiro, segundo nos conta o Cluster, proseguen as intervencións, desta volta da man de Patrizia di Monte (impulsora do proxecto Isto non é un solar para pór en valor espazos urbanos en áreas marxinais) e Juan Domingo Santos (Gran Premio Enor 2011 polo Museo da Auga de Lanjarón).

PUBLICIDADE