A xornada do Proxecto Sfera achega unanimidade sobre a importancia das TIC en Galicia

mércores, 9 de abril do 2008 Raquel Noya

O director xeral de I+d+i, Salustiano Mato, e a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, coincidiron ao destacar onte “a importancia de que Galicia se sitúe no primeiro plano da industria das telecomunicacións a nivel europeo”. Foi no marco da xornada do Proxecto Sfera sobre capacidades tecnolóxicas no campo das comunicacións sen fíos e por satélite (do que demos conta en Código Cero)
Ámbolos dous afondaron nas medidas que se están a levar a cabo tanto para xerar o coñecemento preciso para fortalecer a industria como para promover os servizos que demandan os cidadáns e, neste senso, Mato asegurou que a Consellaría de Innovación e Industria está a crear “unha rede de infraestruturas de I+D+i en materia de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións” como son a Plataforma de TIC (Vindeira), o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións (Gradiant) ou o Centro Tecnolóxico do Software.
Pola súa banda, Veiguela centrou a súa intervención na importancia das actuacións que se están a desenvolver en Galiza para universalizar a banda larga dentro do territorio do país. A directora xeral de Promoción Industrial incidiu en como as políticas da Consellería de Innovación están orientadas á implantación das tecnoloxías sen fíos no rural.
Nas sucesivas intervencións, representantes de Gradiat, do CESGA, de empresas do sector de Galiza das telecomunicacións como R, Retegal, Televés, Arteixo Telecom, e de Telecom Castilla La Mancha analizaron as capacidades tecnolóxicas no ámbito das comunicacións sen fíos e a situación da industria galega das TIC neste sector. O peche correrá a cargo de Wenceslao Sánchez de la Peña, coordinador do proxecto.

PUBLICIDADE