A xira sobre transformación empresarial de GAIN e o IGAPE fai parada en Arzúa

luns, 11 de abril do 2022 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e o director do IGAPE, Fernando Guldrís, estiveron este luns 11 en Arzúa ao abeiro dunha das paradas estratéxicas da iniciativa itinerante Camiño de futuro, posta en marcha co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio autonómicos para medrar e mellorar a competitividade.
No encontro celebrado en Arzúa técnicos de GAIN e do IGAPE, así como do Grupo de Desolvemento Rural (GDR) Ulla, Tambre e Mandeo, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Administración galega.
Así, entre outras iniciativas e convocatorias, informouse de que dentro do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, activaranse este ano apoios por 12 millóns de euros. Tamén se puxo o foco no ámbito da dixitalización, onde se insiren convocatorias, neste segundo trimestre do ano, que suman 7 millóns de euros, coa previsión de mobilizar 13 millóns.
No ámbito do emprendemento, explicouse que no segundo trimestre do ano está previsto convocar as axudas do programa Galicia Emprende, con 5 millóns de euros, que se suman ao Galicia Rural Emprende, con 2 millóns de euros, que xa se convocou.
Nun plano máis concreto, debulláronse as posibilidades da Oficina Galicia Empresa, desde a que a Xunta atende ás empresas e aos novos proxectos empresariais que se queren asentar en Galicia, onde toman partido todos os departamentos da Administración autonómica. O obxectivo é “facilitar o camiño aos emprendedores e ás empresas que queren desenvolver os seus proxectos en Galicia, restando tempos, carga burocrática e duplicidades na tramitación”.
A xornada contou cunha mesa redonda de casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración. Neste caso, a cita con compañías innovadoras reuniu ás empresas Indupanel (Cerceda), líder español na fabricación de paneis de aluminio e PVC, e Toldos Gómez (Arzúa), referente na fabricación de lonas e carpas.
En total, Camiño de futuro acolle 14 encontros de networking por toda a xeografía galega. A seguinte parada terá lugar o martes 19 de abril en Ortigueira.

PUBLICIDADE