A xira sobre mobilidade e cloud de @asLAN inaugúrase en Compostela da man do COETG

mércores, 18 de setembro do 2013 Redacción

Este mércores botaba a andar en Santiago o primeiro Foro da VIII Edición do Tour Tecnolóxico, que ten previsto visitar boa parte de España. A xuntanza veu da man da Asociación de provedores de sistemas de rede, internet e telecomunicacións, @asLAN e contou na organización co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), que abriu a xornada baixo o título: Mobilidade e Cloud, dúas tendencias imparábeis. Cómpre dicir que á presentación do foro acudiron responsábeis de tecnoloxía e innovación de grandes e pequenas organizacións e enxeñarías especializadas de toda Galicia, levándose a cabo un amplo programa sobre as últimas novidades en cuestións como banda larga sen fíos (Wi-Fi, WiMAX, LTE), redes definidas por software (SDN), virtualización de escritorios (VDI), mobilidade, comunicacións unificadas, centros de datos... da man de empresas patrocinadoras como Cambium Networks, Huawei, Colt Technology, TomTom, APC by Schneider, Novell ou DELL, entre outras.
Así, o acto de apertura correu a cargo do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, que salientou a importancia que estes encontros teñen para a modernización tecnolóxica e o crecemento económico da nosa comunidade, xa que serven para achegar as novas tecnoloxías ás empresas, facéndoas máis competitivas.
O Tour Tecnolóxico @asLAN centrarase durante estes meses en difundir e espallar no mercado estas tecnoloxías que están a transformar as organizacións e poden axudar ás empresas a mellorar a produtividade e aforrar custos, achegando a oportunidade de actualizar coñecementos e identificar tendencias de futuro, axeitando as súas infraestruturas de cara á construción dunha contorna móbil (mobilidade) ao tempo que desenvolven e insiren servizos na nube (cloud).
Informar que o Tour prolongarase até comezos de novembro con paradas en Mallorca (2 de outubro), Málaga (23 de outubro) e Barcelona (30 de outubro), finalizando en Santander o 13 de novembro. A inscrición nestes eventos é totalmente gratuíta e pódese realizar dende a web de Aslan.

PUBLICIDADE