A xira de Nativos R recala esta finde no Carballiño

martes, 13 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 17 de novembro imos ter no Carballiño unha nova oportunidade para dixitalizarnos da man de R e, tamén, para demostrar ao mundo que calquera pode tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías, teña a idade que teña e a formación que teña. Estamos a falar dunha nova actividade do programa Nativos R, dirixido a acurtar as distancias entre as persoas que naceron e medraron no ambiente dixital, por unha banda, e quen non tivo ocasión de saber para que consisten as TIC, pola outra. A idea é mobilizar os diferentes integrantes do núcleo familiar ou do tecido docente.
En palabras de R, Nativos R diríxese á cidadanía que se ben non naceu na era dixital, convive con persoas (nenas, nenos, adolescentes, mocidade) que si que o fixeron, abrindo interesantes camiños de comunicación e interacción entre uns e outros.
As charlas, cen por cen de balde, visitarán deseguido Verín, a Mobile Week Coruña, Sarria e A Guarda.
A cita de Carballiño celébrase en horario de 18:00 a 20:00 h, no salón de plenos do consistorio.
Segundo explica a operadora galega, con Nativos R quérese desmitificar ideas asentadas “como que as novas xeracións son competentes no uso das novas tecnoloxías polo mero feito de ter nacido con elas ou que Internet, as redes sociais e os móbiles son prexudiciais en si mesmos”. Tamén se falará da nova terminoloxía neste eido (cyberbulling, sexting, grooming...), de como nos afecta a todas e todos o cambio dixital e dos principais riscos de Internet e de que maneira previlos, entre outros temas.
Para asistir á charla de nativos R en Carballiño cómpre contar con algún dos convites do operador galego, que se poden recoller até o día 17 na tenda R, na rúa Tomás María Mosquera, 37, co teléfono 988 234 964.
As charlas nativos R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA), cuxo obxectivo primeiro é estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico- tecnolóxicas dende idades temperás, especialmente entre mozos e mozas, ademais de educar no uso das novas tecnoloxías a persoas de todas as idades.

PUBLICIDADE