A xira Enredando Tour de Cruz Vermella e AMTEGA recalan o 31 de agosto en Mos

venres, 25 de agosto do 2023 S. P.

O bus de Enredando Tour na súa parada en Arzúa

A Cruz Vermella e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) únense en Mos para integrar a persoas maiores na contorna dixital. Farano a través da xira Enredando Tour, que chegará á localidade pontevedresa o vindeiro xoves 31 de agosto con obradoiros lúdicos de capacitación para romper a fenda dixital. O propósito, en palabras do Concello, é “enredar” a persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dunha maneira lúdica, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
A xira, que está a percorrer un total de 20 localidades galegas este verán, busca “reducir a fenda dixital entre a poboación e loitar contra os procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, de idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros”. A iniciativa recalará en Mos o vindeiro xoves 31 de agosto en horario de 10.30 a 12.30 horas.
Esta actividade está organizada por Cruz Vermella no marco do convenio de colaboración coa AMTEGA para a execución do programa formativo itinerante en competencias dixitais. Nesta ocasión, está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoia para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso. Talleres de capacitación dixital e menús formativos.
Mediante unha furgoneta superequipada ofrécense contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transpórtanse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá. En cada unha das localidades onde recale o circuíto organízanse varios obradoiros relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante pode “pedir” formarse nun ou varios contidos de cada menú.

PUBLICIDADE