A xestión unificada en materia TIC achegou un aforro anual na nosa terra de 6 millóns de euros

mércores, 17 de abril do 2013 Redacción

A creación de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), formalizada en 2012 para unificar nun departamento autonómico as competencias TIC, foi este mércores obxecto de reconto e análise por parte da súa principal responsábel, Mar Pereira. O obxectivo deste reconto foi, precisamente, amosar en cifras e datos as vantaxes que achegou o afianzamento da axencia. Segundo fixo saber Pereira no Parlamento, a creación de AMTEGA foi unha aposta por un modelo de xestión integrada das novas tecnoloxías, a primeira destas características que se levou a cabo na Administración autonómica, explicou.
Mar Pereira compareceu esta mañá na Comisión 6ª Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na que fixo saber que “a xestión centralizada está a dar os primeiros resultados consolidando un aforro anual en gasto tecnolóxico de 6 millóns de euros grazas á centralización de compras con baixas por licitación, á negociación única no pagamento de licenzas cando é imprescindible, ao emprego do software libre cando é a solución máis competitiva, e á integración do gasto en telefonía e comunicación”.

A directora da AMTEGA en rolda de prensa

Para Pereira, está claro que se seguirán a obter importantes logros neste eido da integración e a optimización da xestión, xa que en “2013 continuarase esta senda coa concentración dos contratos para a adquisición de mantemento de hardware e software para todas as consellerías cun aforro do 20% nestes custes”.
Amais do devandito, Pereira explicou que o ano pasado AMTEGA xestionou preto de 300 contratos TIC (dos que 59 foron adxudicados pola axencia) e que máis do 91% do importe adxudicado en 2012 “corresponde a contratos xestionados en base a procedementos abertos”. Tamén recordou que o operador público RETEGAL está a seguir os mesmos principios de transparencia e eficiencia, nos seus procesos de contratación. “O ano pasado”, indicou, “19 dos contratos adxudicados por RETEGAL foron adxudicacións en base a procedementos abertos, o que supón máis do 89 % do importe adxudicado a 21 empresas distintas; ao que cómpre engadir que os aforros derivados das baixas sobre os importes de licitación superaron os 600.000 euros”.

PUBLICIDADE