A xestión dos parques infantís coruñeses facilitarase mediante etiquetas NFC

xoves, 21 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

A empresa contratada polo Concello da Coruña para a xestión e mantemento dos seus parques infantís, Arce, vén de elixir como sistema de xestión para os seus SAT a solución Proactivity que subministrará a compañía galega Ayco, especializada en solucións tecnolóxicas para empresas, e que facilita a xestión integral do mantemento e inspección dos activos, que neste caso serán os parques infantís coruñeses e todos os seus elementos (xogos, árbores...).
Deste xeito, dende un panel de administración Arce indica os activos que deben revisarse, asigna persoal para a tarefa e incluso pode establecer unha periodicidade de inspeccións. A ferramenta informática tamén permite levar un control dos vehículos, o persoal, o almacén... serve para optimizar a xestión do material, permite coñecer en cada momento o persoal co que se conta ou incluso os traballos pendentes de realizar.
Xa nos parques infantís cada elemento contará cunha etiqueta NFC, para que o técnico ou inspector que acuda poida lela co seu smartphone, recibir os datos referentes ao mesmo e reportar as incidencias detectadas, para que o administrador poida xestionar a actuación a realizar. Conséguese así unha dixitalización da información en tempo real, que pasa a formar parte do histórico de intervencións.
Entre as vantaxes deste tipo de solucións está o feito de que facilitará ao contratante (o Concello da Coruña) o acceso a informes para poder coñecer a situación na que se atopa a xestión dos parques infantís realizada por Arce.

PUBLICIDADE