A xestión do CPEIG acada un informe favorábel logo dunha análise independente

mércores, 9 de setembro do 2015 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha imaxe de El Correo Gallego

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, no camiño dunha meirande transparencia na súa actividade, encargoulle á empresa a3m Auditores a análise exhaustiva da súa xestión económica. Este exame correspondeuse á actividade desenvolvida ao longo do ano 2014. Esta decisión, segundo informa o CPEIG unha decisión “tomada por iniciativa dos membros da propia xunta e sen que mediase obriga legal ningunha”, saldouse cun informe favorábel. O colexio tamén salienta que todo o proceso de auditoría, dende a orixe até o remate, levouse a cabo de xeito independente.
Ao fío do devandito, o informe da consultora sinala o seguinte: “Na nosa opinión, as contas anuais abreviadas xuntas expresan, en todos os aspectos significativos, a imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia a 31 de decembro de 2014, así como dos seus resultados correspondentes ao exercicio anual rematado en dita data, de conformidade co marco normativo de información financeira que resulta de aplicación e, en particular, cos principios e criterios contables contidos no mesmo”.

PUBLICIDADE