A xestión de arquivos centra un curso con prácticas empresariais do Concello da Coruña

martes, 24 de maio do 2022 S. P.

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, achega esta tempada un curso sobre xestión de arquivos para persoas desempregadas con especiais dificultades para atopar emprego. A acción formativa enmárcase no proxecto Coruña Suma (AP-POEFE), iniciativa de inserción laboral co-financiada polo Fondo Social Europeo.
As accións formativas a desenvolver este ano no proxecto Coruña Suma (AP-POEFE) céntranse en 4 áreas principais: administración e xestión, informática e comunicacións, atención a persoas dependentes e hostalaría e turismo.
O curso de xestión de arquivos enmárcase na rama de administración e xestión e ten como obxectivo “aprender a realizar operacións de xestión administrativa e de arquivo e documentación da información mediante soportes convencionais e informáticos”. As clases comezarán o vindeiro martes 24 de maio e teñen previsto finalizar o 18 de xullo, o que equivale a dous meses de formación. Esta impartirase de luns a venres en horario de mañá, de 9.30 h a 14.30 h, e ten un total de 15 prazas dispoñíbeis. A formación, que é de balde, oferta un total de 80 horas prácticas de empresa, permitindo a posibilidade de poñer en práctica as habilidades adquiridas na fase teórica.
O pasado xoves 19 de maio iniciouse outro curso formativo no marco do proxecto Coruña Suma. Na rama de informática e comunicacións iniciouse o curso de xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías, unha formación de 185 horas de duración na súa parte teórica e 40 horas na parte práctica. Dende a o 19 de maio ata o 15 de xullo impartirase a fase práctica, de luns a venres en horario de tarde (de 15.30 h a 20.30 h). Esta formación tamén é gratuíta e dispón dun total de 15 prazas.

PUBLICIDADE