A webserie Fame prepara segunda tempada, logo do éxito da primeira (5.000 reproducións)

luns, 28 de abril do 2014 Redacción

Finalmente a segunda tempada de Fame, a webserie cuxo nacemento avanzamos o ano pasado (salientando a presentación dos seus primeiros capítulos no Curso Audiovisual de Celanova e máis os trazos principais do seu argumento) vai ser unha realidade o mes de xullo incluíndo un total de cinco capítulos. A webserie, un proxecto que vén da man dun grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo, xira arredor dos estraños acontecementos que acompañan as andainas na estrada de dúas rapazas (Eme e Uve). A segunda tempada de Fame está dirixida pola estudante de Comunicación Audiovisual Anxos Fazáns estase a rodar estes días en Pontevedra.
Trátase, en palabras da directora, “dun thriller colorista e arriscado”. Os motivos para abordar a segunda tempada teñen moita relación co éxito acadado pola primeira. De feito, foi quen de acumular preto de 5.000 reproducións. Este seguimento por parte dos internautas deu azos aos seus creadores para dar forma a cinco novos capítulos de dez minutos de duración, nos que nestes días traballa un equipo técnico que pasou das oito persoas do proxecto inicial a preto de 20. Como dixemos, as protagonistas son Eme e Uve, “dúas rapazas moi tolas que na primeira tempada se perden nunha estrada de Celanova”, explica Fazáns, que prefire non avanzar nada do que vai acontecer nos novos capítulos da serie. “A partires de aí, hai que vela”, explica. Por certo que Fame tamén estivo de actualidade estes días por ter sido seleccionada para a sección oficial do festival Carballo Interplay, cuxo palmarés demos a coñecer hoxe.

PUBLICIDADE