A web permite seguir os comicios electorais estadounidenses en directo

martes, 4 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os coellos tolos de Rayman parodiando as eleccións norteamericanas

Esta noite chega á súa fin a carreira electoral dos EE.UU. nunha velada que promete ser interesante, achegando as miradas de todo o mundo ao que acontece durante os comicios que incluso se ven homenaxeados por personaxes de videoxogos coma os coellos tolos (que aproveitan a ocasión para promocionar o seu inminente xogo Rayman Raving Rabbids TV Party). Os medios de comunicación de masas tradicionais están a facer unha espectacular cobertura das votacións norteamericanas, pero na Internet a actividade é aínda maior, e blogs e redes sociais están a botar lume con información constante sobre o que acontece ao outro lado do Atlántico, e mesmo se poden consultar en tempo real os resultados electorais e as enquisas elaboradas polos medios, aínda que oficialmente non se poida coñecer o resultado ata mañá (no caso de que non haxa conflitos coma noutros anos).


Mapa electoral desenvolvido pola MSNBC

Na Internet teñen moitos peso os medios tradicionais facendo unha impresionante cobertura informativa, e así podemos optar por seguir os comicios dende os especiais que prepararon dende RTVE, La Voz de Galicia, El País, El Mundo, Público, a CNN ou Associated Press, pero tampouco faltan as pequenas aplicacións ou widgets que se poden incrustar en páxinas web e blog que permiten facer un seguimento da noite en case calquera espazo virtual, destacando especialmente o mapa de Google para seguir o proceso electoral, os resultados e o mapa desenvolvido pola canle norteamericana CBS ou tamén o mapa desenvolvido dende MSNBC (que sería un dos gráficos interactivos máis completos).
Sen dúbida, todo son facilidades para informarse sobre os resultados electorais nos EE.UU. ao minuto, resultando a web a ferramenta que xunta a todos os medios, pois permite dende a consulta dos datos en bruto ata o seguimento de canles de audio e vídeo en directo.

PUBLICIDADE