A web médica participada por Telefónica, a máis votada do eido da eSaúde

luns, 11 de xaneiro do 2016 Redacción

A comunidade médica dixital Saluspot, participada por Telefónica, resultou ser a web de saúde máis votada polos internautas do ámbito estatal. Segundo informa a operadora, o recoñecemento materializouse na edición española dos premios Website do Ano, destinados a salientar a páxinas máis referenciais da contorna estatal. Máis polo miúdo, Saluspot obtivo o 26,6 % dos votos dentro da súa categoría.
Amais de acadar o premio Website Máis Popular do Ano, Saluspot obtivo unha cualificación de sobresaínte en deseño, contido, navegación e intención de recomendación. Gonzalo Castellano, director executivo da empresa dixital (que se presentou por primeira vez como candidata nos ditos galardóns) sinalou que o premio é un xeito de destacar “o moito que traballamos no último ano para espallarnos en novos países, chegarmos a máis persoas, resolver máis dúbidas de saúde e achegar ferramentas (páxina, plataforma e aplicación) mellores e máis accesíbeis para teléfonos móbiles”.
Lembrar que o galardón Website do Ano estableceuse como un premio transeuropeo con preto de 3 millóns de votos en todo o mundo. Elixe os mellores e máis populares sitios en liña en 19 categorías diferentes. A elección lévase cabo en 9 países: España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Italia, Brasil, China e India.
Recordar que Saluspot é unha comunidade en liña interactiva de saúde formada por usuarios, profesionais sanitarios e centros médicos. Naceu en 2011 co obxectivo de combater “a desinformación médica en Internet”, axudando “a mellorar a saúde das persoas con respostas fiábeis”. A empresa conta cunha participación estratéxica de Telefónica.

PUBLICIDADE