A web galega Ghastas Pista, cumpre dez anos

luns, 18 de maio do 2009 Raquel Noya

Que galego ou galega (coñecedor ou non do batifondo nocturno da vila coruñesa de Santa Comba) non ten escoitado algunha vez a expresión “ghastas pista?” que usan moitos asíduos as discotecas xalleiras para convidar a bailar ás mozas e mozos do lugar? Pois ben, o éxito desa expresión tan peculiar e descritiva do acento da bisbarra do Xallas (que naceu alá pola década dos noventa) foi tal, que Ghastas Pista? non tardou en chegar á Rede e converterse nunha web centrada principalmente na música folk e tradicional da nosa terra, que hoxe mesmo cumpre xa 10 anos.
A páxina, que ao longo desta década tamén nos achegou outros estilos alén da música popular galega, tiña como única condición que as cancións estiveran na nosa língua, algo que aínda hoxe segue a respectar minuciosamente.
Asemade, esta web, que nos últimos anos foi ampliando os seus contidos con vídeos, listaxes de locais, programas de radio, lugares onde asistir a clases ou eventos nos que os afeccionados a esta música podían disfrutar dela en vivo e en directo, presenta agora información sobre novidades discográficas editadas tanto dentro como fóra de Galicia, así como traballos históricos xa descatalogados de enorme interese para os visitantes.
A web tamén contén agora unha sección aberta a tódolos internautas na que se poden informar e debater sobre a actualidade musical galega do momento e que ofrece un maior dinamismo e interacción entre os usuarios, que agora teñen a oportunidade de coñecer xente con similares gustos musicais e afeccións sen sair da aplicación.
Este portal, que naceu co obxectivo firme de dar a coñecer as novidades musicais do país, disponse a dar un paso máis alá e converterse non só nun punto de información, senón tamén nun lugar de encontro entre os que levan xa abonda “pista ghastada” e os que debecen por comezar a “ghastala” ao son da música galega.

PUBLICIDADE