A web educativa do Parlamento encamiñada a fomentar o diálogo xa pasou a liña das 25.000 visitas

luns, 9 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O Parlamento de Galicia vén de facer reconto do acadado a través da súa páxina web educativa Eu diálogo!, encamiñada a difundir na comunidade educativa o entendemento vía a palabra en tódolos eidos de actividade (cultural, formativa, social, económica). Segundo informa a Cámara galega, o sitio (posto en marcha co motivo do 25 aniversario da creación do Parlamento) recibiu xa máis de 25.000 visitas dende a súa posta en marcha, hai agora cinco meses.
Por franxas de idade, de entre tódolos usuarios da web cómpre salientar ós mozos e mozas de toda Galiza, que acoden decote a participar nos foros de opinión, nos chats ou nos concursos de hip hop, vídeos, cómics e fotografía (certames que, por certo, ficarán co prazo de inscrición aberto até o 31 de maio).
A web tamén permite levar a cabo todo tipo de descargas, sendo este precisamente un dos servizos máis demandados (informa o Parlamento), segundo se desprende do feito de que se teñan” baixado” xa máis de 10.000 arquivos dende que a páxina entrou en funcionamento.

PUBLICIDADE