A web dos trotamundos celebra os seus quince anos e as súas máis de 1.500 reportaxes publicadas

venres, 30 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Unha das moitas fotografías publicadas, pertencente a unha reportaxe sobre os Picos de Europa de Manolo Santervas Martín e Stefka Valikova

Pódese coñecer mundo botando man das redes, sen necesidade de arruinármonos e coa seguridade de que imos dar, alá por onde vaiamos, a sitios (paisaxes, emprazamentos, establecementos gastronómicos, hoteis, pensións) aos que paga a pena irmos? Segundo os responsábeis de Elrincóndeltrotamundos.com, si que se pode. E para comezar, din, nada mellor que botarlle un ollo a esta páxina web, arestora celebrando o seu quince aniversario. Ou sexa: os seus tres lustros de aventura compartindo información chegada dende tódalas frontes e recantos. Milleiros de comentarios e imaxes da ampla lexión de trotamundos da que é probábel que en algún intre formásemos parte, ou formaremos parte. Estes anos recentes, engaden, deron para moito: máis de 1.500 reportaxes publicadas, 22.000 fotografías e 150 libros.
Isto, din, sitúa á web como a de meirande volume do seu eido temático (as viaxes responsábeis, a natureza, o turismo rural e activo) en lingua castelá. As cifras chaman máis a atención se temos en conta o punto de partida: uns comezos nos que se contaba, con sorte, con seis visitas diarias, en 1997. Agora, a cifra anda polo medio milleiro de petadas virtuais na porta, de tódolos continentes, o que, en palabras dos seus responsábeis, “supón un record para unha páxina web destas características”.

PUBLICIDADE