A web do Plan Avanza superou en setembro os 2 millóns de visitas

luns, 6 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A web do Plan Avanza, páxina do Ministerio de Industria que é a principal ferramenta de difusión e aplicación da devandita iniciativa, vén de superar no mes de setembro os dous millóns de visitas amoreadas ao longo deste ano. A cifra, que arestora é de case 2,2 millóns, representa o dobre de accesos có ano anterior. Este incremento nas visitas débese en boa medida a dous motivos: por unha banda a introdución cada vez máis xeneralizada da nova cultura da administración dixital (do que a web do Plan Avanza é, por dicilo así, especialmente representativa) e, pola outra, polo interese cada vez meirande entre as empresas de facerse co seu propio oco na Rede (sendo a páxina do Plan outro referente, sobre todo como chave para o plan Ningunha Empresa Sen Web).
Volvendo ás cifras, dicir, que non só se rexistraron aumentos nas estatísticas xerais de visitas, senón tamén nas que atinxen a arquivos descargados (917.661 en setembro) e a duración das propias visitas, que acadaron en agosto o seu cumio, cun tempo medio de algo máis de 20 minutos. Para o Ministerio de Industria, é importante salientar neste punto que aínda que a maior parte dos accesos leváronse a cabo dende computadores situados en España, hai unha importante porcentaxe de visitas practicadas dende fóra das fronteiras: arredor da cuarta parte das mesmas.

PUBLICIDADE