A web do INEM incrementou nun 650 por cento o seu número de visitas

xoves, 7 de maio do 2009 Raquel Noya

Segundo un estudo publicado pola consultora Nielsen Online, dedicada á audiencia de medios dixitais, durante o último ano (sobre todo dende que superamos a barreira psicolóxica dos catro millóns de parados no noso país) as palabras relacionadas coas consecuencias da crise, tales como, paro, emprego, ERE (Expediente de Regulación de Emprego), remuneración, oposicións… veñen de converterse nas auténticas raíñas dos buscadores de Internet, o que non fai máis que demostrar a falta de pasividade dos internautas para facerlle fronte a un problema que nos afecta a todos: a perda de emprego en masa.
Outro dos datos que aporta o estudo, e que está directamente relacionado coa Rede, é o número de visitas da páxina web do INEM, que no último ano se incrementou nun 650 por cento.
No último periodo estudado, este portal recibiu a entrada de máis de 700.000 internautas, que accederon a el para realizar xestións ou simplemente solucionar dúbidas.
Nembargantes, dende a web Tuexperto.com, na que deron conta do devandito estudo, califican como “unha lástima” o éxito de visitas que acadou a web do INEM no último ano posto que, segundo afirman, “lonxe de ofrecer un servizo de emprego doado e rápido, asusta a calquera coa súa linguaxe burocrática”. A web, engaden, “caracterízase pola súa pouca ou nula actividade”.
O autor da web que se fixo eco da nova apunta, asemade, que o INEM debería seguir o exemplo de outros portais de procura de traballo por Internet, tales como Infojobs, Infoempleo, Laboris e Trabajar.com, dos cales “debería tomar nota” a web do Instituto de Emprego.

PUBLICIDADE