A web do CCG convoca a autores e investigadores para dar conta da traxectoria vital de Ramón Piñeiro

luns, 11 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Piñeiro nunha fotografía da súa viaxe aos Estados Unidos da Fundación Carlos Casares

A web Consello da Cultura Galega (CCG) converteuse (como cada ano por estas datas) nun recurso de obrigada visita perante a máis que inminente festividade dupla das nosas Letras e de Internet (o 17 de maio). As achegas en liña do CCG sobre a traxectoria do escritor, mestre e político Ramón Piñeiro (festexado este ano na devandita data) sitúanse alén da documentación exhaustiva e multimedia sobre un autor concreto do noso tempo e da nosa terra, posto que tamén teñen un aquel de recoñecemento da cultura que o viu nacer no espazo que lle corresponde da Rede: toda ela. Isto conségueo a páxina do CCG a través de varios camiños fundamentais. Primeiro: o subministro constante de contidos (novas, artigos das persoas que o coñeceron, reportaxes) sobre Piñeiro e todo o relativo á súa persoa ao longo dos días previos á festividade do 17, facendo fincapé en todo intre no representativo que é o homenaxeado do acontecido na nosa terra ao longo do século XX. Segundo: o aproveitamento das posibilidades da Internet de hoxe como aparello multicanle, completando a achega de textos con galerías de imaxes sobre o autor e o seu contorno, arquivos sonoros coa voz de Piñeiro ou escolmas gráficas da súa produción bibliográfica.
A web habilitada con este fin, centrada en boa medida en acurtar as distancias entre os internautas e a obra bibliográfica do escritor-investigador de Láncara (incluíndo un rastrexo detallado abondo sobre aquilo que podemos atopar nas librerías), é un espazo en liña a moitas voces: semella que se quixo convocar o máximo número de representantes da nosa cultura o coñeceron. Nesta liña é paradigmática a crónica que ofrece estes días a web sobre a mesa camilla, centro de operacións do Piñeiro máis comprometido, situada na rúa Xelmírez de Compostela, e imán de promesas da cultura galega que estaba por vir. O artigo en cuestión, centrado nunha mesa camilla para dar corpo ante os ollos do lector-internauta a unha persoa (a do seu dono), resume coa súa reunión de voces e memorias (Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Xosé Luís Franco Grande, Helena Villar e Andrés Torres Queiruga) a arela dos responsables da web: crear un referente plural, como un caderno colectivo, sobre a figura de Piñeiro.

PUBLICIDADE