A web de Xuventude Galiza Net comeza a achegar información sobre a súa nova edición

mércores, 31 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Xuventude Galiza Net xa anda a emitir certos sinais de actividade. Concretamente, dende o seu espazo web, onde se nos está a achegar información básica sobre a vindeira convocatoria, a que comeza o 30 de marzo e remata o 1 de abril deste ano, unha vez máis no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago. A xuntanza internauta, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude (Vicepresidencia), seguirá este ano a afondar nas cuestións que abrollaron o ano pasado: o emprego do galego como elemento de valor na Sociedade da Información e na mocidade (e non como eiva, por moito que insistiran no punto algúns dos inscritos o ano pasado) ou o uso e deseño de ferramentas de software libre como fonte de riqueza e innovación para Galiza. Ademais, XGN tamén vai orientada este ano a “establecer ligazóns entre os asistentes que vaian alén do pura e estritamente técnico”. Dito doutro xeito: cómpre que lembremos que a través das redes internas que ligan os computadores van algo máis ca bits, e que o espírito que xeralmente acaba impoñéndose logo de dous ou tres días de conexión ininterrompida é o de compartir.
Cómpre sinalar que esta que está en preparación é xa a oitava convocatoria da xuntanza, que segundo o equipo organizador é unha das máis antigas de Europa e das que rexistra un dos índices máis altos de satisfacción por parte dos seus asistentes. De feito, nas últimas edicións tardouse pouco máis de medio minuto en cubrir o cen por cen das prazas ofertadas ós mozos e ás mozas de Galiza -e do estado español na súa totalidade- de entre 16 e 30 anos.

PUBLICIDADE