A web da iniciativa Galego patrimonio da humanidade supera as 2.000 sinaturas

xoves, 16 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Fotografía tomada por Sonia Daponte da presentación do manifesto en Vigo

A comunidade internauta galega segue a pechar fileiras arredor dun ben inmaterial que lle toca de preto e que, a fin de contas, ten a responsabilidade de conservar, manter e promover: a súa lingua. Entre as moitas iniciativas que se están a pór en marcha arestora para preservar o galego alí onde lle doe ao eido global (ou sexa, no mesmo seo do global), cómpre salientar a da plataforma Galego patrimonio da humanidade, que vén de pór en marcha unha campaña en liña dirixida a defender a nosa lingua como ben común e a custodiala e garantila como medio de comunicación e creación. Segundo se conta dende a mesma web da plataforma, xa se recolleron a día de hoxe máis de 2.000 adhesións, e o proceso segue adiante a bo ritmo.
Sinalar que detrás a campaña vén acompañada dun manifesto (descargable en PDF) básico que foi presentado a semana pasada en Vigo nun acto no que participaron, entre outros, o editor Manuel Bragado, o escritor Xabier Docampo e o profesor Antón Baamonde. A cita foi na Casa Galega da Cultura de Vigo, e dos acontecementos do encontro deron conta polo miúdo medios como Xornal.com.

PUBLICIDADE