A web da información cartográfica de Galicia acada os dous millóns de accesos no primeiro mes

luns, 25 de xuño do 2012 Raquel Noya

O pasado 16 de marzo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas activou unha plataforma virtual na Rede para xuntar toda a información cartográfica de Galicia, que no seu primeiro mes de funcionamento rexistrou xa dous millóns de accesos.
A ferramenta, que permite o acceso en liña a máis de 20.000 mapas (correspondentes a catro series cartográficas de Galicia), rexistrou unha media de transferencia de arquivos de 13 Gb diarios.
O espazo en liña permite consultar e descargar en formato PDF a Base topográfica de Galicia, o Mapa de Usos do Solo do ano 2005, a ortofotografía do PNOA do ano 2009-2010 e a ortofotografía do Voo Americano do ano 1956, una cartografía que dende a Xunta describen como “inédita”, que cando se remate de dixitalizar (dentro duns 2 anos aproximadamente), xerará “máis de 4.000 mapas daquela época, coa toponimia actual.
Asemade, segundo informan dende o Executivo, “esta plataforma incrementará a súa base de datos pouco a pouco, ao punto que se prevé aumentar con outros 20.000 mapas nos vindeiros meses”.
As novas incorporación serán, entre outras, os produtos derivados da cobertura LiDAR, as novas ortofotografías, a actualización do Sistema de Información de Ocupación do Solo (SIOSE), o mapa forestal, e todas as derivadas dos estudos que se encomenden ao Instituto.
A plataforma foi desenvolvida con software libre, e permite facer buscas segundo as necesidades do usuario, xa sexa por unidades administrativas, por coordenadas xeográficas ou por referencia catastral, entre outras variables.

PUBLICIDADE