A web da Xunta superou os 11 millóns de visitas en 2010

luns, 7 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O ano 2010 quedará para a prosperidade como o ano das redes sociais en Internet, o ano da proliferación destas ferramentas que nos axudan a estar en permanente contacto cos nosos familiares e amigos malia que estén a milleiros de quilómetros de distancia.
Estas aplicacións virtuais foron gañando terreo na Rede ata converterse en referencias imprescindibles para empresas e entidades privadas, así como para as administracións públicas, que atopan nas redes sociais unha canle xeitosa para comunicarse coa cidadanía (sobre todo coa máis moza).
A Xunta, sen ir máis lonxe, ten presenza dende o pasado ano en Facebook e Twitter, con preto de 1.500 seguidores en total. Coa incorporación a estes espazos a Administración autonómica busca, segundo informou, “aproximarse ao concepto de Open Government, unha Administración na que priman as relacións coa cidadanía e o contacto directo con ela, máis transparente, participativa e colaborativa”.
Pola súa banda, a web da Xunta de Galicia, que no pasado mes de xuño iniciaba unha nova andaina converténdose nun espazo máis intuitivo e accesible, recibiu durante o ano 2010 un total de 11,6 millóns de visitas das que 350.000 foron realizadas por usuarios distintos.
A nova web foi concibida pensando en mellorar a atención ao usuario, incrementando nos últimos meses os servizos dispoñibles, ofrecendo unha maior interactividade, novas canles multimedia e o acceso a través das redes sociais; trátase, en definitiva, unha aposta pola web 2.0.
A incorporación de novos servizos ao portal da Xunta resposta ao obxectivo de avanzar no concepto de administración electrónica, convertendo a web institucional nunha porta de entrada única onde o usuario poida acceder á información dunha forma moito máis clara.
Asemade, ao longo dos últimos meses foron incorporándose novidades ao portal como os servizos para notificar as axudas e subvencións por correo electrónico e sms aos cidadáns.
Este servizo, que dende a súa posta en marcha xa dou servizo a máis de 400 usuarios, permite acceder de balde a toda a información publicada en materia de axudas e subvencións, á que se accede logo de ter recibido un avisa por parte da entidade pública.
Seguindo uns sinxelos pasos o usuario pode elixir o colectivo que máis se axuste ao seu perfil e as áreas temáticas que lle resulten de maior interese, e o sistema analizara a diario as novidades que se produzan no catálogo de procedementos e, en función do perfil e áreas temáticas que fosen seleccionadas polo usuario, envía un resumo coa información que se axuste a estas preferencias.
Outra das melloras da web foi a posta en marcha do servizo, Canle Axudas, a través do cal se recollen de forma doada e intuitiva todas as axudas e subvencións que fosen catalogadas na Guía do Cidadán. A través dun buscador o cidadán pode atopar as axudas de maior interese para o seu perfil de usuario ou para as áreas temáticas do seu interese. Esta canle incorpora diferentes pestanas nas que se clasificarán en catro categorías os novos procedementos publicados: Novidades, Máis consultados, Últimos días e Abertos.
A reorganización de contidos levada a cabo na web facilita aos usuarios o acceso a 350 ligazóns distintas ordenadas e clasificadas por colectivos, temas e servizos. Precisamente, un dos cambios máis significativos na estrutura da web foi o acceso á información a través de epígrafes de colectivos. Un total de 20 grupos nos que se integra a información que hai en todos os portais da Xunta que pode ser de interese para ese colectivo.
Deste xeito, empresas, traballadores, desempregados, maiores e mozos, entre outros, poden acceder a través dunha única ligazón evitando a busca da información por departamentos.

PUBLICIDADE